14/01/17

Alumnos do Illa de Tambo crean un cadro sobre a figura de Manuel Torres

Os estudantes do instituto marinense recollen nun lenzo o espírito da obra do pintor.

A obra 'Paisaxe mariñeira a carón da Illa de Tambo', creada polos alumnos de Educación Plástica e Visual de 4º da Eso, dirixidos polo profesor Ítalo Cendán Fernández. Foto: N. Cortés / DP.
O IES Illa de Tambo rinde unha homenaxe artística ao pintor marinense Manuel Torres. Os alumnos e profesores do centro, que estiveron traballando durante o curso pasado nun proxecto educativo arredor da figura deste artista. Os estudantes de Educación Plástica e Visual de 4º da ESO, dirixidos polo profesor Ítalo Cendán Fernández, crearon a obra ‘Paisaxe mariñeira a carón da Illa de Tambo’. Unha estrutura composta por diferentes elementos pictóricos que representan o espírito artístico do pintor compón este cadro que xa ocupa de maneira permanente un lugar importante dentro do centro. 

NA REDE. No 115 aniversario do seu nacemento, os alumnos deste instituto quixeron homenaxear a este ilustre marinense elaborando diferentes traballos que están a ser publicados no seu blog. Mestura de poesía coa súa pintura, relatos a partir dos cadros de Torres, música ou reportaxes sobre a súa figura son algúns dos contidos que se poden atopar neste caderno de bitácora. 

O instituto marinense levaba meses creando diferentes contidos arredor da figura deste afamado pintor e os alumnos e profesores mesmo realizaron algunha saída exterior para dar a coñecer o legado artístico e cultural que deixou na localidade. A coordinación entre diferentes departamentos do centro e o traballo en equipo de profesores e alumnos fixeron posible esta iniciativa. Plástica, Lingua Galega e Literatura ou Tecnoloxía son algúns dos departamentos que sumaron esforzos para lograr traballar cos estudantes arredor da obra de Manuel Torres.

Aquí deixámosvos cun 'making of' de como se fixo este espectacular lenzo.

0 comentarios:

Publicar un comentario